Archive for the ‘MOBILIDADE ESPACIAL DA POBOACION’ Category

movementos migratorios; tema das ppau

5 Marzo, 2013

MOBILIDADE ESPACIAL DA POBOACIÓN:

O ÉXODO RURAL

A INMIGRACIÓN

A dinámica da poboación non depende só da relación entre nacementos e defuncións (crecemento natural), senón tamén da mobilidade da poboación ou saldo migratorio: se a inmigración é maior que a emigración, o saldo é positivo e a poboación aumenta; se a emigración é maior que a inmigración, o saldo é negativo e a poboación diminúe. Os movementos migratorios prodúcense por causas distitntas e coñeceron diferentes fases, tipos e épocas.

O impulso de emigrar vai freado polo desexo de permanencia no lugar de orixe ao que só se sobrepón no caso de dárense situacións intolerables no lugar de orixe ou se a atracción do lugar de destino é moi intensa. As causas das migracións son diversas e as súas consecuencias, complexas.

Os movementos migratorios españois adoitan clasificarse en migracións transoceánicas históricas, ata mediados do século XX, cuxo principal punto de destino foron diversos países de América Latina, e migracións modernas, desde finais da década de 1950, que presentaron unha dobre vertente: as migracións interiores campo-cidade e as migracións exteriores, cara aos países industriais de Europa Central e Occidental.

As migracións campo-cidade tiveron lugar cando aumentou a poboación rural, diminuíu a poboación empregada na agricultura e aumentou a demanda de man de obra na industria e nos servizos. Desde 1961 producíronse 20 millóns de desprazamentos interiores, e calcúlase que desde principios do século pasado esa cifra ascende a 30 millóns. A metade dos españois vive nun municipio distinto do que naceu, e case unha cuarta parte nunha provincia diferente á do seu nacemento. Por iso, as migracións interiores tiveron unha grande influencia sobre a distribución da poboación en España e sobre as variacións espaciais na súa composición.

O éxodo rural

O éxodo rural: de 1900 a 1975

No primeiro terzo do século XX rexistráronse fortes correntes migratorias desde as zonas rurais ás cidades impulsadas polas novas actividades industriais e de servizos das áreas urbanas. Estes movementos interrompéronse durante a guerra civil e a inmediata posguerra, para rexurdir con moita máis forza nos anos cincuenta, e sobre todo, nos sesenta e primeira metade dos setenta.

Nesta época, a economía española experimentaba un elevado ritmo de crecemento, apoiado na industrialización e o turismo, que estimularon a construción de vivendas e infraestruturas, así como os servizos ás empresas e á poboación. Ao mesmo tempo, produciuse a mecanización de gran parte das tarefas agrarias, o que provocou un éxodo masivo de poboación no medio rural.

Só nos anos sesenta do século XX cambiaron de residencia 4,2 millóns de españois, o 60% dos cales se trasladaron a outras provincias. Na distribución espacial destas migracións interiores cabe distinguir os seguintes espazos de orixe e destino:

– Os espazos emisores eran as áreas rurais do interior peninsular, ou espazos con sistemas agrarios en crise: Andalucía, Estremadura, as dúas Castelas, Aragón, Asturias, Galicia, etc.

Os espazos atractores foron Madrid, Cataluña e o País Vasco, que se atopaban en pleno proceso de industrialización. A chegada de inmigrantes provocou o crecemento das grandes áreas urbanas, como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Zaragoza e Sevilla. Tamén creceron cidades máis pequenas, como Tarragona, Valladolid, Vigo, Avilés ou Huelva, e as principais áreas turísticas do país

Novas pautas das migracións interiores: de 1975 á actualidade.

As migracións interiores masivas de carácter laboral finalizan bruscamente a mediados dos anos setenta do século XX, como consecuencia da crise económica que se produciu a causa da alza do

prezo do petróleo. Desta maneira, entre 1975 e 1985 debilitáronse os fluxos migratorios interprovinciais. Continúan, con pouca intensidade, os movementos de poboación nova desde o medio rural ata as cidades, ao mesmo tempo que se inician os movementos de retorno de emigrantes en sentido oposto.

Coa recuperación económica de mediados dos anos oitenta do século pasado, os fluxos reactívanse; aínda que sen alcanzar a intensidade dos tempos do éxodo rural nin os niveis doutros países europeos. Destaca un modelo migratorio novo, en que as migracións interprovinciais (económicas e motivadas por cambios de emprego) perden importancia a prol das migracións intraprovinciais, orixinadas por cambios no lugar de residencia, pero non necesariamente de emprego.

Na actualidade, a maior parte dos fluxos migratorios son de curta distancia, e están ligados á expansión urbana. O crecemento das principais cidades desborda os termos municipais e trasládase aos municipios veciños. Ese cinto de municipios próximos ás grandes cidades é o que experimenta un maior crecemento demográfico, debido sobre todo á inmigración de poboación nova. Este proceso é posible a causa da confluencia dun conxunto de factores técnicos (a mellora das infraestruturas de trasporte arredor das cidades), económicas (a carestía do solo e a vivenda incita os mozos a buscar vivendas máis baratas nos arredores das cidades) e culturais e ambientais (moitos mozos buscan novos estilos de vida máis ligados á natureza, fuxindo da deterioración do medio ambiente das áreas urbanas).

Estas migracións ligadas á expansión das cidades e o crecemento da súa periferia son paralelas á continuación do baleirado do medio rural debido non só á emigración, senón tamén ao seu crecemento natural negativo, consecuencia do seu avellentamento.

A inmigración

A partir dos últimos decenios do século XX iniciouse unha nova etapa nas migracións.

O desenvolvemento económico trasformou España dun país tradicionalmente emigrante a un país receptor de inmigración. De país de emigración a país de inmigración: os novos fluxos migratorios Tras a entrada de España na Unión e a superación da crise económica da primeira metade dos anos oitenta do século XX, o país comezou a converterse en destino dos fluxos migratorios internacionais. En 1985, España só contaba cuns 250.000 residentes estranxeiros, o que supoñía un 0,6% da poboación total. Na actualidade, esta cifra supera xa os 5,2 millóns, representando o 11,3%da súa poboación.

A conxunción dun descenso da emigración e un aumento sen precedentes da inmigración exterior propiciou que o saldo migratorio en España sexa claramente positivo desde os anos oitenta do século pasado.

No estudio da inmigración estranxeira a España podemos distinguir dúas fases en que non so se produciu un cambio substancial no número de estranxeiros presentes no país, senón tamén na súa composición.

Durante a primeira fase (nos anos oitenta do século pasado), a maior parte dos extranxeiros residentes en España procedían de occidente, o centro e o norte de Europa. Este continxente respondía basicamente a dúas motivacións:

– Numerosos xubilados europeos elixiron España para retirárense e poder gozar do seu clima e estilo de vida. Estes cidadáns concentráronse na costa mediterránea da Península e nos arquipiélagos de Baleares e Canarias, onde seguen representando unha porcentaxe elevada das súas poboacións.

– Outro grupo importante foi o dos traballadores das multinacionais europeas que se foron asentando especialmente en Madrid e Barcelona.

– Ademais, existía unha colonia crecente de marroquís que comezaron a acudir a España durante esa época na busca de traballo.

Nunha segunda fase, durante a década de 1990 e os primeiros anos do noso século, chegaron ao noso país numerosos cidadáns de Europa do Leste, así como latinoamericanos e asiáticos, á vez que continuaba o fluxo de norteafricanos.

Aínda que os inmigrantes proveñen de moi distintos países, certas nacionalidades están máis representadas en función da proximidade xeográfica e dos lazos históricos e culturais. Así, a maior parte dos inmigrantes procede agora de América Latina, norte de África e Europa. Entre os primeiros destacan os ecuatorianos, colombianos, bolivianos e peruanos; entre os segundos predominan os marroquíes; e entre os terceiros, os máis numerosos son agora os romaneses, seguidos de británicos, búlgaros, alemáns e italianos. Tamén existe un importante colectivo de chineses.

Distribución espacial e actividade de poboación inmigrante

Os estranxeiros concéntranse nas áreas máis dinámicas do territorio español, é dicir, onde hai máis oportunidades de emprego. Destacan especialmente Madrid, xunto co litoral mediterráneo e as illas. Non obstante, os inmigrantes chegaron a practicamente todos os recantos do territorio, se ben a maior parte se concentra nas grandes cidades.

Tamén existe un importante número de estranxeiros, sobre todo africanos, en áreas rurais con agricultura intensiva. Polo tanto, a súa localización espacial está moi relacionada co tipo de traballo que desempeñan.

En xeral, os inmigrantes ocupan postos de traballo que non eran cubertos pola poboación española, polo que non hai propiamente unha situación de competencia coa poboación autóctona.

O tipo de traballo está relacionado en gran medida coa nacionalidade: os cidadáns do centro e o oeste de Europa ocupan empregos ben remunerados e localízanse sobre todo en Madrid e Barcelona, aínda que tamén en actividades de servizos en áreas turísticas; os hispanoamericanos, ao compartiren un mesmo idioma cos españois, realizan actividades fronte ao público; traballan preferentemente no sector servizos. Os marroquís e subsaharianos están especialmente representados na construción e a agricultura; os europeos do leste están representados en moi variadas actividades; e os chineses dedícanse preferentemente ao comercio.

Efectos da inmigración

Os inmigrantes co seu traballo contribuíron de forma decisiva ao crecemento económico de España nos últimos tempos. Ademais, a chegada de estranxeiros freou o proceso de envellecemento da poboación, xa que entre eles predominan os adultos novos e as súas taxas de natalidade son superiores ás da poboación española. Este feito é importante desde o punto de vista de mantemento do sistema de pensións e seguridade social: coa chegada masiva de inmigrantes prodúcese unha diminución da porporción de poboación dependente, e un aumento do número de contribuíntes. En canto á integración social dos inmigrantes, a situación é moi diferente segundo os colectivos, pois algúns poden integrarse moito máis facilmente ca outros en función da súa lingua e a súa cultura.

Tomado de: 

http://noespazoenotempo.webnode.es/calendario-de-eventos/a%20poboacion%20espa%C3%B1ola/temas/

SEPNOSE: MOBILIDADE ESPACIAL DA POBOACION

POBOACION 2 MIGRACIONS ESPAÑA

Advertisements